O currículo da Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia ven establecido polo DECRETO 105/2014, do 4 de setembro.
Principios xerais
- A finalidade da educación primaria é facilitarlles aos alumnos e ás alumnas as aprendizaxes da expresión e da comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, a adquisición de nocións básicas da cultura, os hábitos de convivencia, de estudo e de traballo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade, co fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalos/as para cursar con aproveitamento a educación secundaria obrigatoria.
- A acción educativa nesta etapa procurará a integración das experiencias e aprendizaxes do alumnado e adaptarase aos seus ritmos de traballo.
- A etapa de educación primaria forma parte do ensino básico e, polo tanto, ten carácter obrigatorio e gratuíto.
- A etapa de educación primaria comprende seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade, e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador.
- Os alumnos e as alumnas incorporaranse, con carácter xeral, ao primeiro curso de educación primaria no ano natural no que cumpren seis anos.
Obxectivos
A Educación Primaria contribuirá a desenvolver nos nenos e nas nenas as capacidades que lles permitan:
- Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.
- Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo/a, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe, e espírito emprendedor.
- Adquirir habilidades para a prevención e para a resolución pacífica de conflitos que lles permitan desenvolverse con autonomía no ámbito familiar e doméstico, así como nos grupos sociais cos que se relacionan.
- Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas con discapacidade nin por outros motivos.
- (Ver máis)