Educación emocional

Un dos obxectivos xerais da educación emocional é o desenvolvemento de competencias emocionais, facendo alusión ao conxunto de capacidades, coñecementos, habilidades e actitudes que son necesarias para, entre outras cousas, ser conscientes das nosas emocións, recoñecelas, comprendelas, saber expresalas e regulalas de maneira positiva. Seguindo a Goleman (1999) cando falamos de competencias da intelixencia emocional estamos a referirnos á competencia persoal e a social. A primeira englobaría o coñecemento dun mesmo, a capacidade que temos para lograr acougarnos en situacións tensas ou estresantes e a habilidade para enfrontarnos a estes momentos complicados vendo sempre a parte positiva, mentres que a competencia social estaría determinada pola calidade das relacións que cada persoa mantén cos demais. 

O exposto nas anteriores liñas mostra a importancia de que se eduque emocionalmente para lograr o pleno desenvolvemento da personalidade do alumnado. Así o facemos desde o centro educativo a través dunha serie de actividades e dinámicas fundamentalmente prácticas e lúdicas que nos achegan ás distintas emocións, e que teñen como obxectivos prioritarios o logro dunha autoconciencia emocional e un adecuado control das emocións así como a mellora das relacións interpersoais.

Coas nosas actuacións defendemos que formar persoas con intelixencia emocional é vital para previr condutas inadecuadas (abusos, agresividade, acoso escolar, violencia de xénero, etc) e problemas psicolóxicos (ansiedade, tensión, fobias, etc) así como tamén contribúe a mellorar o rendemento académico do noso alumnado.