Principal - Noticias

Acto de Graduación da Promoción 2002-2017

26 de maio de 2017

O pasado venres, 26 de maio, celebrámo-la graduación dos alumnos que este ano cursaron 2º de bacharelato. O acto comezou ás 19’00 no salón de actos-capela do noso colexio. Asistiron moitos familiares, profesores, amigos,...

En primeiro lugar, escoitámo-las palabras dos representantes dos alumnos graduados. Olga Ventura e Ángel Ferreiro fixeron un discurso ben medido, cheo de sinceridade e agarimo. Logo, chegou o momento musical. Brais Souto, Eduardo Mora e María Ruiz puxeron a súa música, para que Claudia Felípez fixese unha sobresaínte interpretación de “Yellow” (Coldplay), todos eles dirixidos polo profesor de música, Román Suárez. Para remata-la intervención dos alumnos, proxectouse un vídeo conmemorativo do seu paso polo Fogar.

A continuación, cedéuselle a palabra ó profesor Pablo Vázquez, a quen os alumnos escolleran para que lles dirixira a lección de clausura deste curso. Foi un discurso cheo de bos consellos, que repasou as esencias do que significa ser do Fogar. Seguidamente, Paula Gómez, no nome dos titores deste curso, chamou a cada un dos alumnos. Foron subindo todos ó escenario, para recibi-la orla da promoción e a insignia do colexio da man do xefe de estudos, Fabio Salvado, e do director, Marcos Díaz. Despois, fixémo-la oportuna oración, para agradecer a Deus todo o vivido no Fogar e para pedirlle que bendiga a nova etapa que estes rapaces comezan. O acto rematou coas palabras de despedida por parte do director, nas que non faltou o xa tradicional: “tede coidado aí fóra” (Hill Street Blues). Finalmente, tódolos asistentes puideron degusta-lo aperitivo, preparado polo servizo de cociña do noso colexio.

Un día de festa, un día de lembranzas, un día de agradecemento, un día de abrir novos camiños, un día de Fogar.

Preme na imaxe para ver máis fotos