Altas capacidades

Que é a alta capacidade?

Ao longo da historia leváronse a cabo numerosos estudos biolóxicos e múltiples psicólogos e pedagogos tentaron conceptualizar e estudar o concepto de intelixencia, así como a formación e o funcionamento da intelixencia superior.

Para o noso Centro, unha nena ou neno ten unha alta capacidade cando posúe unha capacidade superior á esperada para a súa idade ou condición nunha ou varias áreas da conduta. Normalmente se parte dun CI de entre 125-130 (dependendo da proba empregada) pero, seguindo a Pfeiffer, S. consideramos que unha única medida de CI non é suficiente para pescudar todo o potencial que un alumno esconde. 

Entre outros elementos, é importante considerar tamén o seu nivel de creatividade e o seu pensamento diverxente (como aplican a información e solucionan problemas reais), o seu grao de motivación, etc.

Que características adoita ter o alumnado con alta capacidade?

Aínda que existen diferenzas individuais, xa que cada neno é único, algunhas das características máis destacadas son as seguintes, seguindo a Pérez, Domínguez e Fernández (1998)*:

  • Adquisición e retención rápida da información.
  • Habilidade e rapidez para abstraer, conceptualizar e sintetizar. Gozan no traballo intelectual.
  • Facilidade e precocidade na adquisición da linguaxe. Amplo vocabulario, gran información de temas complexos para a súa idade.
  • Actitude activa ante a aprendizaxe, curiosidade, procura do relevante e o transcendente.
  • Creatividade e imaxinación: Habilidade para ver distintas posibilidades e alternativas.
  • Son independentes, con tendencia ao traballo individualizado.
  • Preocupación por temas sociais e morais.
  • Excesiva autocrítica.
  • Alta concentración en áreas de interese e constancia nas tarefas.
  • Perfeccionismo e esforzo por chegar ao fondo dos problemas ou situacións.
  • Coñecemento dos problemas potenciais e evitación de riscos.
  • Gran e peculiar sentido do humor.
  • Elevada enerxía, viveza.

* Domínguez Rodríguez, P.y Pérez, L. (1998). El desarrollo de los más capaces: guía para educadores. Gráficas Varona: Salamanca.

Unha alumna ou alumno con alta capacidade pode ter fracaso escolar?

É evidente que estes alumnos son intelectualmente precoces e realizan funcións cognitivas características da poboación media de idade máis avanzada, pero isto non implica que destaquen en todo. A complexidade do fenómeno fracaso escolar non exclúe a estes nenos.

Non podemos perder de vista que a intelixencia como CI, é unha condición necesaria pero non suficiente para que se desenvolva unha capacidade superior; o contexto escolar, familiar e social tamén son determinantes.

A calidade e a sensibilidade dos métodos, prácticas e experiencias escolares, sociais e familiares inhibirán ou estimularán as súas capacidades.

A motivación e un bo desenvolvemento emocional tamén son indispensables.

É o mesmo alto capaz, que superdotado, prodixio, precoz, xenio, ou talento?

Ao longo dos anos utilizáronse outros termos similares, pero distintos, para referirse aos nenos altamente capacitados:

  • Superdotado: É unha inadecuada tradución do termo orixinal inglés gifted que quere dicir dotado de dons, o cal suxire que é algo innato e inmutable e que todo se lle dá mágicamente ben. Isto pode crear unhas expectativas desmesuradas que poden ser prexudiciais para o neno.
  • Precoz: A maioría dos alumnos con alta capacidade son precoces pero non todas os nenos precoces poden chegar a desenvolver unha alta capacidade.
  • Prodixio: Son os que realizan unha actividade específica fose do común para a súa idade e condición. Nin todos os prodixios son alto capaces nin todos os alto capaces son prodixios.
  • Xenio: Un alto capaz que realmente chega a desenvolver as súas capacidades e alcanzar a excelencia nun ou máis campos, e que ademais ten unha creatividade que lle permite producir novidades que serven de referencia para traballos posteriores, é o que se chama un xenio. Case nunca ten sentido aplicar este termo a un neno.
  • Talento: Un talento é unha habilidade extraordinaria e especializada nun campo moi específico (arte, música, etc)

Que enfoque dámoslle no noso Centro?

A detección e intervención educativa temperá son primordiais xa que ambos os aspectos serán en boa medida os que dificulten ou faciliten o desenvolvemento das capacidades superiores.

Consideramos que a alta capacidade é un constructo que abarca un amplo núcleo de variables. Por iso levamos a cabo diversos procedementos de identificación:

  • Emprego de probas psicométricas específicas (test colectivos e/ou individuais estandarizados). 
  • Análise das producións creativas dos alumnos e do seu pensamento diverxente, así como do seu emprego de estratexias cognitivas e metacognitivas.
  • Test de execución e/ou rendemento. Empregámolos para analizar os seus coñecementos escolares, o cal é importante coñecer para os nosos programas de intervención.
  • Informes persoais, entrevistas e probas de personalidade e intereses.
  • Informes e información da familia. É imprescindible para analizar datos evolutivos, xa que os pais son os mellores identificadores en idades temperás.
  • Informes e cuestionarios de identificación do profesorado. A información dos docentes é fundamental para o proceso de identificación.

O noso obxectivo é proporcionar a todos os nosos alumnos unha educación centrada en que consigan un bo desenvolvo socio-emocional á vez que intelectual.  

Ademais das medidas que se levan a cabo dentro da aula de referencia, deseñamos para este alumnado un Programa de enriquecemento educativo, o cal se está levando a cabo en Educación Primaria e proximamente en Educación Secundaria.