O departamento de sociais comprende os seminarios de Xeografía e Historia, Arte, Filosofía, Música, Economía e Educación Física, disciplinas que non só serven para o estudo dos seus correspondentes contidos, senón para transmitir unha serie de valores tales como a solidariedade, o respecto a outras culturas, a tolerancia, a liberdade, e que lles permitirán aos alumnos e alumnas comprender o mundo no que viven. O estudo das distintas áreas do departamento permite o desenvolvemento das competencias necesarias para o proceso de aprendizaxe dos alumnos e alumnas, a través duns coñecementos que parten desde a contorna máis próxima como a Comunidade Autónoma de Galicia ata un sentido máis universal.
O coñecemento da sociedade, a súa organización e o seu funcionamento ao longo do tempo, é esencial para poder entender o mundo actual. Coñecer o espazo onde se desenvolven as sociedades, os recursos naturais e o uso que se lles deu achéganos datos sobre o pasado e permítenos anticipar algúns dos problemas do futuro.
As disciplinas de Xeografía e Historia son dous importantes eixes vertebradores para o coñecemento da sociedade, xa que abranguen a realidade humana e social desde unha perspectiva global e integradora, e ofrecen unha maior capacidade para a estruturación dos feitos sociais. Malia isto, a sociedade actual, cada vez máis complexa, require a intervención doutras disciplinas como a economía, a socioloxía, a ecoloxía ou a historia da arte, que achegan análises diferentes e complementarias, para a mellor comprensión da realidade social.
A materia de Xeografía e Historia pretende afondar nos coñecementos adquiridos polo alumnado na educación primaria; favorecer a comprensión dos acontecementos, os procesos e os fenómenos sociais no contexto en que se producen, tendo sempre en consideración as escalas de estudo (o mundo, Europa, España e Galicia); analizar os procesos que dan lugar aos cambios históricos e seguir adquirindo as competencias necesarias para comprender a realidade do mundo en que viven, as experiencias colectivas pasadas e presentes, a súa orientación no futuro, así como o espazo en que se desenvolve a vida en sociedade.
A achega da materia de Xeografía e Historia ao desenvolvemento das competencias clave é moi salientable. Deste xeito, poderiamos dicir que a través da materia se desenvolven as competencias sociais e cívicas, a competencia matemática, en relación cos contidos de Xeografía; a competencia de conciencia e expresións culturais, especialmente no estudo da Historia da Arte; a competencia de sentido da iniciativa e espírito emprendedor (coñecementos de Xeografía e Historia económicas).
O desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística e dixital, e de aprender a aprender, impregnan todo o currículo de Xeografía e Historia, pois presentan unha dimensión instrumental que nos obriga a telas presentes. Merecen unha mención especial a educación cívica, a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, e o traballo con tecnoloxías da información e da comunicación.
A obra de arte constitúe un valioso testemuño para coñecer a mentalidade, a cultura e a evolución das sociedades. É, daquela, imprescindible estudala no seu contexto histórico, social e cultural, incidindo á vez no feito de que as obras artísticas poden perdurar a través do tempo con usos e funcións sociais diferentes en cada época. O estudo da Historia da Arte posibilita relacionar a materia con outras tan relevantes como a Historia, a Filosofía, a Literatura, a Relixión, as TIC´s. O coñecemento da Historia da Arte consolida nos alumnos e nas alumnas certos valores e actitudes, como a tolerancia e o respecto polos valores e as crenzas das demais persoas, a capacidade de satisfacción ante a contemplación da arte e, de forma moi especial, a valoración do patrimonio artístico e a responsabilidade da súa conservación, xa que se trata dun legado que se lles debe transmitir ás xeracións futuras.
O seminario de Filosofía engloba as materias de Filosofía e Introdución á Psicoloxía. Desde o comezo do pensamento occidental na antiga Grecia, o ser humano, movido pola admiración e a curiosidade, fíxose unha serie de preguntas sobre o mundo que lle rodeaba: Cal é a orixe do Universo? Que é a realidade? Quen somos? De onde vimos?...A filosofía é un intento racional de identificar e dar resposta aos grandes interrogantes que rodean á existencia humana. A materia de Filosofía capacita ao estudante para o exercicio do pensamento crítico e independente có que alcanzar unha mellor comprensión do mundo e de si mesmo. O pensamento filosófico aporta os coñecementos teóricos e as destrezas prácticas para entender, analizar e propoñer solucións aos desafíos intelectuais e morais do século XXI.
A Psicología é unha ciencia que trata de comprender e explicar a mente e a conduta, e promover o benestar persoal. Como ciencia, a Psicología realiza investigacións para resolver diferentes problemas: Que relación existe entre o cerebro, a mente e a conduta? Que é a intelixencia? É posible mellorar a memoria? Como podemos mellorar o rendemento escolar? Cales son as causas da drogodependencia? Cales son principais terapias psicolóxicas?...A Psicología é un coñecemento útil, porque facilita o desenvolvemento persoal. Ten o valor de “prepararte para a vida”, é dicir, ensínache a respectar o dereito a ser diferente, a desenvolver o pensamento crítico e a asumir a responsabilidade das túas decisións e accións. Trátase de que cada un aprenda que quere ser e o tipo de mundo no que desexa vivir.
A música, como ben cultural e como linguaxe e medio de comunicación non verbal, constitúe un elemento con gran valor na vida das persoas; ademais, favorece o seu desenvolvemento integral, intervén na súa formación emocional e intelectual, a través do coñecemento do feito musical como manifestación cultural e histórica, e contribúe ao afianzamento dunha postura aberta, reflexiva e crítica no alumnado.
Esta materia fomenta as actividades colaborativas ao integrar os/as estudantes nun grupo, fomentando o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a integración, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional.
O estudo desta materia parte dos coñecementos previos adquiridos polo alumnado na educación primaria e do seu desenvolvemento evolutivo. Entre outros, é obxectivo desta materia dotar os alumnos e as alumnas dun vocabulario que permita a descrición de fenómenos musicais, unha comprensión da linguaxe musical como medio de expresión artística, unha sensibilidade cara á expresión musical e o entendemento da música como un fenómeno imbricado na historia e na sociedade. Tamén se lle outorga un papel importante á análise das obras musicais, entendendo que se pode levar a cabo en distintos niveis de profundidade.
Cedo a define Aristóteles como a disciplina encargada da administración doméstica.
O pai da economía moderna, Adam Smith, define a economía política como o estudo das leis sociais que gobernan a produción e a distribución dos medios materiais para satisfacer necesidades humanas.
Máis de dous mil anos median entre ambas definicións, podéndose intuír un gran salto desde o individual ao colectivo, como un caer na conta de que a economía é un asunto de e para toda a sociedade.
Hoxe a Economía é unha ferramenta complexa que explica a integración do ser humano no mundo e a conformación do propio mundo. Explica tamén o progreso das distintas sociedades a través da historia e pretende dar as claves para que dita evolución sexa satisfactoria nun futuro.
Busca como disciplina que caiamos na conta de que non só os asuntos persoais deben de ser ben gestionados, senón de que é de vital importancia para o noso futuro o que nos gestionemos na esfera privada e na colectiva con seriedade, responsabilidade e legalidad.
Individuo, familia, grupos con intereses comúns, empresas, administracións, estado e organizacións internacionais, son suxeitos de estudo por parte da asignatura. O seu principal obxectivo é entender o funcionamento de todos os axentes económicos e explicar os seus problemas, todo iso cunha conciencia crítica e esixente. Preténdese coa adquisición dos conceptos básicos, que o noso mundo sexa un pouco máis accesible e as noticias que a diario chegan a nós non sexan ininteligibles por parte dos alumnos que han cursado a asignatura. Tamén se pretende que o alumno formule xuízos persoais achega dos problemas económicos e saiba suscitar posibles solucións aos mesmos.
A Educación Física, como área diferenciada do currículo, debe contribuir á formación integral da persoa. Ten sentido cando é capaz de preparar ao individuo para mellorar a súa calidade de vida. O seu valor marcarao a utilización das aprendizaxes escolares unha vez remate a vida escolar.
A programación da área de Educación Física ten tres puntos de partida:
Reflexión: para qué serve o que facemos e como contribúe a nosa formación persoal.
Información: imprescindible para a formación do coñecemento.
Movimento: como o medio para desenvolver o proceso e parte fundamental da vida humana.
Os obxectivos podemos centralos na construcción da Identidade Persoal, na Autoestima e Aceptación dun mesmo e a capacidade para a Relación cos demáis.
Para acometer a realización destes obxectivos centrámonos en tres ámbetos, básicos no desenvolvemento da persoa:
Desenvolvemento corporal: capacidades físicas e coordinativas.
Saúde: ferramentas para a promoción dunha vida saudable.
Lecer: instrumentos para favorecer actividades non agresivas coa estabilidade persoal.
Parlebas (1997) definía a Educación Física como unha práctica educativa. Para poñer en valor dita definición, empregaremos diferentes medios de traballo, que teñen como denominador común a capacidade de movimento e o desenvolvemento de todas as posibilidades motrices do alumno.