As relacións interpersoais que se establecen entre as persoas xeran conflitos entre elas. Nos centros educativos onde conviven mozos e mozas o habitual é que xurdan con maior frecuencia e intensidade, xa que o alumnado aínda precisa adquirir e/ou mellorar as súas habilidades socioemocionales. Cando os conflitos non reciben a resposta axeitada debido a unha mala xestión, pode dar lugar a unha serie de problemas que afectan á convivencia da comunidade educativa.
Un dos nosos principais obxectivos en canto a convivencia escolar é que os estudantes melloren as súas relacións e aprendan a xestionar as súas emocións desenvolvendo a capacidade de diálogo entre eles. Por este motivo púxose en marcha o Servizo de mediación escolar entre iguais.
Ao longo do curso 15/16 foi iniciado o proceso de formación de mediadores na ESO. A súa función principal consiste en axudar a aquel alumnado que o solicite na resolución pacífica dos diversos problemas relacionados coa convivencia que se lles presenten, tales como malos entendidos, insultos, ofensas, etc. exceptuando os casos de maior gravidade como pode ser o acoso escolar. Ademais, os mediadores que o desexan colaboran noutras actividades vinculadas coa mellora da convivencia no Centro.
No curso 16/17, coa finalidade de estender progresivamente a mediación entre iguais a tódalas etapas educativas, decidiuse incorporar ao alumnado de 5º e 6º de EP no devandito proceso de formación, consistente en cinco clases teórico-prácticas onde aprenderán, entre outras cousas, os principios básicos da mediación e as súas técnicas de intervención.