Relixión

A verdadeira educación e a formación integral existen cando se desenvolven tódalas capacidades inherentes ó ser humano, entre as cales se encontra constitutivamente a capacidade transcendente. Así pois, o senso transcendente da vida -capacidade básica do individuo- está enraizado no máis profundo do ser. O neno pode recoñecelo -segundo os niveis de aprendizaxe propios de cada idade- nos símbolos e signos do seu entorno, nas experiencias relixiosas dos seus maiores, na cultura que se transmite na escola,...

No universo cultural, que interiorizan os alumnos e que está definido polos saberes que ofrecen as demais disciplinas escolares, a ensinanza relixiosa escolar deposita o fermento dinamizador do Evanxeo e trata de alcanzar verdadeiramente os demais elementos do saber e da educación. É por iso que o ensino relixioso pretende contribuír á calidade da educación coa proposta e co desenvolvemento dos coñecementos, valores e das actitudes que conforman o seu currículo. No máis profundo do ser cristián xorde o gran valor da fraternidade universal, de aí que as mínimas esixencias éticas de convivencia, participación, respecto á diversidade sexan consecuencias da fe cristiá.

O currículo do ensinanza da relixión católica constitúe, logo, unha síntese básica e global da mensaxe cristiá, axeitada á idade do alumno, ás esixencias epistemolóxicas da materia, ás expresións culturais do entorno e ás demandas didácticas do sistema educativo. Enmárcase nun contexto histórico e social, inclúe parte do gran acervo cultural e artístico que emana da fe católica e doutras confesións, e posibilita a análise comparada dos contidos en diálogo coa cultura do noso tempo. Enraizada no máis profundo do ser, o alumno vai descubrindo a relixión católica nos símbolos e signos do seu entorno, no progreso e na humanización do propio ser humano, na linguaxe narrativa da Biblia, nos modelos cristiáns de identificación e, particularmente, na persoa de Xesucristo e na súa presenza na comunidade cristiá.

A formación relixiosa e moral católica conta cunha longa tradición no sistema educativo español. Respondendo a razóns profundas da institución escolar e a dereitos humanos recoñecidos pola Constitución española, o “Acordo Internacional subscrito entre o Estado español e a Santa Sé sobre Ensinanza e Asuntos Culturais”, asinado o 3 de xaneiro de 1979, establece os principios que garanten a presenza do ensino relixioso na escola. Ademais, a “Lei Orgánica de Mellora da Calidade da Educación” confire á ensinanza das relixións o tratamento académico que lles corresponde, pola súa importancia para o logro da educación integral do alumno, consoante o previsto no artigo 27 da Constitución Española. Así pois, conforme o noso ordenamento xurídico, os pais teñen dereito á formación relixiosa e moral dos seus fillos, segundo as súas propias conviccións. Ademais, establece que a relixión católica se incluirá coma área ou materia en tódolos niveis educativos.