Linguas

O estudo das linguas é fundamental no sistema educativo, pois son instrumento de comunicación e de interacción social, de conservación e transmisión de coñecemento, de participación cidadá, de investigación, creación, experimentación e descuberta. As linguas apréndense para falar, ler e escribir, reflicten emocións, afectos e aventuras, amosan o mundo, son medio de relación interpersoal e recoñecemento da alteridade, motor do noso pensamento e das nosas reflexións, a porta de acceso ao saber. Son tamén un poderoso instrumento para a equidade, xa que aportan os medios necesarios para achegármonos ao xeito de vida é ás formas de pensamento doutros pobos e ao patrimonio literario e cultural propio e alleo.
A educación plurilingüe ten como finalidade romper barreiras entre as linguas, e promover o uso integral e intercultural do alumnado. A situación de sociedade multilingüe e plural na que vivimos precisa dun desenvolvemento nas linguas que adquira ao longo da súa vida, con independencia da diferenza de fins e niveis de dominio con que as utilice. E que os faga conscientes da riqueza que supón ser unha persoa plurilingüe para o desenvolvemento cognitivo e social.
En definitiva, o coñecemento das linguas contribúe á formación de cidadáns e cidadás que interactúen satisfactoriamente en todos os ámbitos da vida, aumentando a súa capacidade para interpretar e valorar o mundo, para formar opinións propias, claras e fundamentadas, e para gozar dos seus usos creativos, lúdicos e artísticos.

Seminario de Lingua Castelá

A materia de Lingua Castelá e Literatura ten como obxectivo o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado. A estruturación do pensamento do ser humano faise a través da linguaxe; de aí que esta capacidade de comprender e de expresarse sexa o mellor e o máis eficaz instrumento de aprendizaxe.
A finalidade da reflexión lingüística é o coñecemento progresivo da propia lingua, que se produce cando o alumnado percibe o uso de diferentes formas lingüísticas para diversas funcións e cando analiza as súas propias producións e as dos que lle rodean para comprendelas, avalialas e, no seu caso, corrixilas.
A reflexión literaria a través da lectura, comprensión e interpretación de textos significativos da literatura en Lingua Castelá favorece o coñecemento das posibilidades expresivas da lingua, desenvolve a capacidade crítica e creativa dos estudantes, dálles acceso ao coñecemento doutras épocas e culturas e enfróntaos a situacións que enriquecen a súa experiencia do mundo e favorecen o coñecemento de si mesmos.

Seminario de Lingua Galega

A materia de Lingua Galega e Literatura ten como obxectivo o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado, entendida en todas as súas vertentes: pragmática, lingüística, sociolingüística e literaria nesta lingua oficial e propia da comunidade autónoma. Así, achega as ferramentas e os coñecementos necesarios para que se desenvolvan satisfactoria e eficazmente en calquera situación de comunicación da vida privada, social e profesional. Eses coñecementos, que articulan os procesos de comprensión e expresión oral por unha banda, e de comprensión e expresión escrita por outra, constitúen instrumentos esenciais para a aprendizaxe xeral no ámbito educativo e, posteriormente, ao longo da vida. Perséguese pois o obxectivo de contribuír á formación de cidadáns e cidadás cunha competencia comunicativa que lles permita interactuar satisfactoriamente en todos os ámbitos que forman e van formar parte da súa vida.
Esta materia preséntase, en todos os cursos das etapas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, estruturada en cinco bloques: 1. Comunicación oral. Escoitar e falar, que atende ao uso oral da lingua. 2. Comunicación escrita. Ler e escribir, que se ocupa da comprensión e a produción escrita. 3. Funcionamento da lingua, que integra contidos relacionados co código e a súa organización, e responde á necesidade de reflexión sobre a propia lingua. 4. Lingua e sociedade, que se centra na necesidade de que o alumnado coñeza, explique e valore o plurilingüismo como unha situación enriquecedora e supere os prexuízos sobre a lingua. 5. Educación literaria, que asume o obxectivo de facer dos alumnos e as alumnas lectores e lectoras competentes e coñecedores das etapas da historia da literatura galega.

Seminario de Lingua Inglesa

A materia de lingua inglesa ten como obxectivo o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado, entendida en todas as súas vertentes: pragmática, lingüística, sociolingüística e literaria. Daquela, achega as ferramentas e os coñecementos necesarios para se desenvolver satisfactoria e eficazmente en calquera situación de comunicación da vida privada, social e profesional. Eses coñecementos, que articulan os procesos de comprensión e expresión oral por unha banda, e de comprensión e expresión escrita por outra, constitúen instrumentos esenciais para a aprendizaxe no ámbito educativo e, posteriormente, ao longo da vida. A lingua inglesa é abordada así na aula desde un enfoque comunicativo e intercultural, xa que o coñecemento dos valores e as crenzas compartidas por grupos sociais doutros países resulta esencial para a comunicación nesta sociedade globalizada.

Seminario de Lingua Francesa

O estudo e aprendizaxe de novas linguas estranxeiras considérase hoxe en día algo fundamental, non só porque nos vai permitir ampliar os nosos coñecementos lingüísticos e comunicarnos cun maior número de persoas, senón tamén, e moi especialmente, porque o dominio de varias linguas facilitaranos o acceso ao mundo do traballo nun mundo tan globalizado como o noso.
O estudo dunha segunda lingua estranxeira, neste caso o francés, servirálle ao alumno non só para ampliar o currículo de linguas que xa coñece e domina (galego, castelán…) ou estuda (inglés…) senón tamén mellorar os coñecementos que ten de todas elas ao poder facer un estudo comparativo das mesmas.
Para a aprendizaxe desta nova lingua fixaremos catro grandes bloques: a) comprensión oral, b) comprensión escrita, c) expresión oral e d) expresión escrita, aínda que prestaremos ao mesmo tempo especial atención á cultura e civilización francesas e dos países francófonos.

Seminario de Linguas Clásicas

As materias de Cultura Clásica, Latín e Grego teñen como obxectivo primordial achegar o alumnado ó estudo de dous dos tres pilares da nosa civilización occidental: Grecia e Roma (o terceiro pilar, o cristianismo, estúdase na materia de Relixión Católica). Así pois, esta área desenvolve os ámbitos lingüístico, literario, xeográfico, histórico, sociopolítico, artístico, filosófico, científico,... todo o que acostumamos a definir como cultura. A influencia destes aspectos na cultura occidental configura a nosa identidade como pobo. Coñecer o noso pasado significa coñecernos a nós mesmos. O legado clásico pervive no noso patrimonio cultural. Isto é algo irrenunciable para nós como sociedade, como modelo de civilización. A configuración do noso sistema de escritura, as linguas que hoxe falamos, a nosa historia común, as orixes do noso sistema político, as relacións sociais da vida cotiá, as fontes da nosa literatura, arte, pensamento,... todo o que somos nace da cultura grecorromana, enriquecida e transformada polo cristianismo.