Principal - Actividades

Cadea de PAZ

O luns, 3 de Febreiro, no noso “FOGAR DE SANTA MARGARITA”, celebramos, unindo as nosas mans “O DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA” xunto cunha vintena de coles de toda a Coruña.

A continuación, tedes o MANIFESTO que se leu dende a “Torre de Hércules”

“Hoxe, 3 de Febreiro, celebramos o Día da Paz; nenos e nenas, mestres, mestras, familias, saímos dun mesmo lugar, as nosas escolas, porque como dixo Malala Yousafzai: “Un neno, unha mestra, un libro, un lapis poden cambiar o mundo”.

Nós tamén cremos que non hai mellor menciña contra as guerras, a fame, a desigualdade e a intolerancia que a educación.
Unimos as nosas mans desde o Milenium, erixido para conmemorar o século XXI, un século que queremos sexa de Paz en todo o mundo e, con elas, fixemos unha onda que quere ser océano de ilusión, dun soño posible para todas as persoas de calquera
cultura, crenza ou ideas baseadas no respecto, na igualdade e na liberdade.

Das nosas mestras e mestres, esperamos que sementen en nós coñecementos que estimulen preguntas, que nos axuden a formarnos no respecto á diversidade.
Dos libros, esperamos que abran portas á reflexión para, con ese lapis, escribir unha historia nova, que como este faro ilumine sendeiros de paz.

O artigo décimo da Declaración dos Dereitos da Infancia di: ”O dereito para ser criado cun espírito de comprensión, tolerancia, amizade entre os pobos e irmandade universal.”

Velaí o camiño cara a Paz.

Moitas grazas as vosas mans cómplices, fortes e decididas que deixamos hoxe como a nosa persoal pegada dun mundo posible, no que tezamos unha rede de afecto e respecto feita cos fíos da paz e a igualdade.” (CEIP Raquel Caamacho
)

Aquí tedes aos nosos rapaces e rapazas saudando...

e a ONDA final!!

Preme na imaxes para ver máis fotografías


 

Aproveitamos para agradecer ao Hotel Riazor a súa amabilidade ao deixarnos estar na súa fantástica terraza para amosarvos estas imaxes.

Damos as GRAZAS a todos os profesores, titores e organizadores por facer posible que unha saída multitudinaria, se producira de xeito impecable.

Se queres ver máis polo miúdo o traballo de 5º de primaria, preme aquí.