Convivencia - Noticias

O noso colexio representa a obra Postdata

Desde finais de novembro o alumnado da ESO, FPB e Bacharelato estivo recibindo charlas sobre Prevención do Acoso Escolar e Ciberacoso, impartidas por Familia Menores (Grupo Axente Titor) así como obradoiros preventivos - para estudantes de 1ESO- implementados polo Departamento de Orientación. Como broche destas Xornadas por unha convivencia positiva, alumnado do Equipo de Mediación do noso colexio representa a Obra Postdata dos autores Carlos Colau e Pablo Colau.

Con gran desenvoltura e un ambiente de moito compañeirismo e boa sintonía, os nosos actores e as nosas actrices subíronse ao escenario e metéronse na pel doutros mozos que, acompañados pola profesora, collen un autobús de regreso ao colexio.

Mentres están na viaxe dialogan sobre a situación de acoso vivida por outro compañeiro que nese momento non se atopa con eles. Aos poucos van reflexionando sobre a conduta inxusta que eles/ as mesmos/ as tiveron cara á vítima, o que lles leva a redactar unha carta de desculpa.

Esta obra, que compartiron co alumnado de 1 e de 2ESO os días 19 e 20 de decembro, lanza unha clara mensaxe contra o acoso escolar e sobre a importancia que teñen os espectadores.

Finalizada a obra, o Equipo de mediación charla cos asistentes sobre as sensacións vividas, o contido que transmiten os diálogos expostos, o que farían en caso de vivir unha situación similar, o que pensan sobre o tema exposto e moitas cuestións máis que foron xurdindo e sobre as que se estableceu un interesante debate.

Non podemos pechar esta noticia sen agradecer a axuda das mediadoras Alicia Abella, Mariña García, Alicia Pontide, Julia Regueira, Paula Manteiga e do mediador Sergio Fernández e por suposto a dos nosos actores e actrices.

Aquí deixámosvos a repartición de personaxes. 

Lucas García: profesora

Andrea Iglesias: Juanjo

Lía Lema: Jessi

Laura Mella: Vicente

Iria Otero: Lourdes

Gabriela Taboada: Eva

Jorge Nolasco: David

Laura Ponte: condutora

Parabéns a todos e ata pronto!