Diversidade funcional

Que se entende por diversidade funcional?

Ao longo da historia sucedéronse varias formas de abordar a diversidade. Desde algúns enfoques como o médico-rehabilitador, considerábase a diversidade como unha anomalía, o cal tiña consecuencias moi negativas en canto ao desenvolvemento integral deste colectivo xa que as situaba por baixo duns niveis educativos considerados "normais". Desta visión paternalista, derívase a marxinación das persoas con diversidade funcional e a atención limítase a paliar os problemas que se atopaban ditas persoas, creando así unha maior dependencia e minguando a súa autonomía para solucionalos por si mesmos.
 
O termo "normal" é polémico en canto ao tema que nos incumbe, xa que dependendo do significado que lle deamos, entenderemos a diversidade dunha forma positiva ou negativa. Se entendemos a normalidade como aquilo que se atopa na maioría das persoas, entón estamos a excluír o diverso, o cal nos leva a un concepto negativo da diversidade. Por tanto, reivindicamos o concepto positivo de diversidade, que nos leva a entendela como unha fonte de riqueza humana, presente en calquera persoa e que non se define en base ao que se considera "normal".
 
Afortunadamente, hoxe en día, aínda que os modelos paternalistas persisten, podemos falar dun modelo diferente ao médico e que vai máis aló do modelo social, no cal baseamos o noso traballo. Apostamos polo termo "diversidade funcional", acuñado polo Foro de Vida Independente no ano 2005, substituto doutros termos peyorativos por exemplo minusvalía, discapacidade, etc. Este foro define este termo como "a diferenza de funcionamento dunha persoa ao realizar as tarefas habituais (desprazarse, ler, agarrar, ir ao baño, comunicarse, relacionarse, etc.) de maneira diferente á maioría da poboación".
 
É importante destacar que é a primeira vez que se dá unha definición positiva, resaltando as diferentes capacidades ou formas de funcionar e non as deficiencias, limitacións ou restricións evitando así, un uso discriminatorio da linguaxe á hora de referirnos a este colectivo. En definitiva, todos podemos presentar algunha discapacidade ao longo da nosa vida, e non por iso deberiamos sufrir discriminación.
 

Clasificación da Diversidade Funcional

Seguindo a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF), podemos resumir en catro grandes grupos os tipos de diversidade funcional:
 
Intelectual: Seguindo o DSM-V, no referente ao nivel académico, inclúe dificultades na memoria, a linguaxe, a lectura, a escritura, o razoamento matemático, entre outras.
  • A nivel social pódense presentar dificultades nas habilidades sociais, a comunicación interpersoal, etc.
  • A nivel práctico, adoitan observarse dificultades no coidado persoal, a organización de tarefas escolares, a responsabilidade, o manexo do diñeiro, o autocontrol das súas condutas, etc.
É importante sinalar que, aínda así, ditas dificultades coexisten con capacidades, por tanto é importante analizar cada caso en particular. Ditas dificultades poden ser maiores ou menores dependendo de se a contorna que rodea á persoa facilita ou pon barreiras. Unha contorna facilitadora é clave para o desenvolvemento intelectual da persoa.
 
Física: Está relacionada co corpo e provoca dificultades motrices que impiden un desprazamento correcto. En xeral, existe unha incapacidade para usar eficazmente as pernas, brazos ou tronco. As causas poden ser diversas (parálises, rixidez, etc.)
 
Sensorial: As máis habituais son as que afectan á vista e ao oído.
  • A cegueira caracterízase porque as persoas que a presentan teñen total ou parcialmente danado o sistema visual.
  • A xordeira refírese á incapacidade para escoitar con normalidade debido a un mal funcionamento no órgano auditivo. Segundo o nivel de afectación podemos falar de xordeira (non permite a adaptación mediante a linguaxe oral) ou hipoacusia (si permite a adaptación mediante linguaxe oral).

Como se enfoca a intervención desde o Centro?

Tendo en conta o devandito anteriormente no primeiro apartado, desde o Fogar de Santa Margarita, considérase prioritario dotar ao alumnado diverso das ferramentas necesarias para que poida desenvolverse en todos os ámbitos (educación, comunicación, acceso á información, etc.) co fin de que sexa capaz de alcanzar a autonomía persoal e social necesaria para controlar a súa propia vida sen depender dos demais.
 
Seguindo o Decreto 229/2011 do 7 de decembro polo que se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes da comunidade autónoma de Galicia, o noso obxectivo principal é "que todas as persoas consigan o máximo desenvolvemento persoal e social posible, que se lles facilite unha educación adaptada ás súas singularidades, que se lles garanta unha igualdade efectiva de oportunidades e que se lles ofrezan os recursos necesarios que precisen". Co fin de conseguir o devandito obxectivo, consideramos os apoios un aspecto crave na atención deste colectivo.
 
O noso enfoque baséase na atención integral de cada alumno/a mediante metodoloxías colaborativas e titorías entre iguais, así como o apoio e reforzo educativo.  Ademais téñense en conta tres ámbitos prioritarios, o persoal, o familiar e o social, facilitando que o noso alumnado fortaleza a súa autonomía.
 
A pesar de que a atención ao alumnado é sempre individualizada e adaptada ás características e necesidades de cada un deles, podemos sinalar as seguintes liñas xerais de intervención:
 
No ámbito das competencias académicas centrámonos nos seguintes aspectos:
  • Lectura e escritura comprensivas, coa finalidade de desenvolver unha conciencia crítica para entender o mundo que nos rodea.
  • Razoamento lóxico-matemático (conceptos de diñeiro, tempo, magnitudes,...)
  • Etc.

No ámbito social incidimos nestes puntos:

  • As relacións interpersoais.
  • A autoestima.
  • A responsabilidade.
  • O seguimento das normas.
  • Etc.

En canto ao ámbito de actividades instrumentais da vida diaria, focalizámonos nestas áreas:

  • A mobilidade urbana.
  • Manexo e uso responsable das Novas Tecnoloxías (computador, móbil...)
  • Uso do diñeiro.
  • Planificación e xestión do tempo de lecer e de estudo. 
  • Etc.