Técnicas de estudo

O principal obxectivo que subxace á posta en marcha dos talleres de técnicas de estudo é aprender a aprender, competencia fundamental para unha aprendizaxe permanente ao longo da vida, e que se caracteriza pola habilidade para iniciar, organizar e persistir na aprendizaxe, sendo esta cada vez máis eficaz e autónoma.

Numerosos estudos demostraron que existe unha relación positiva entre os resultados académicos satisfactorios e a organización do estudo e coñecemento de técnicas e recursos, non sendo tan importante a cantidade de tempo adicado como a calidade das estratexias que se poñan en práctica.

Así pois, desde o Fogar de Santa Margarida entendemos que a competencia de aprender a aprender debe traballarse tanto de forma transversal en tódalas materias así como tamén dun xeito máis explícito a través dos talleres de técnicas de estudo.

Nestes talleres, realizados nos últimos cursos de EP e primeiros da ESO, realízanse diversas actividades que responden aos seguintes obxectivos:

  • Aumentar a motivación cara ao estudo.
  • Incrementar a autoconfianza do alumnado.
  • Reflexión e toma de conciencia dos propios procesos de aprendizaxe.
  • Coñecemento de diferentes estratexias para afrontar o estudo.

 

Os contidos a traballar nestes talleres de técnicas de estudo son os seguintes:

  • Condicións físicas do lugar de estudo.
  • Organización e planificación da tarefa e estudo.
  • Lectura comprensiva.
  • Subliñado.
  • Resumo.
  • Esquemas.
  • Mapas conceptuais.
  • Etc.