Pastoral - Noticias

Conmemoración do Día da Paz

8 de febreiro de 2017

O pasado 8 de febreiro, toda a comunidade educativa fixemos unha saída polo paseo marítimo, para conmemorar o Día da Paz.

O pasado 8 de febreiro, toda a comunidade educativa fixemos unha saída polo paseo marítimo ata a "Coraza do Orzán", onde se atopa o monumento aos heroes do Orzán, para conmemorar o "Día escolar da non violencia e da paz”, a “Xornada da infancia misioneira”, a “Campaña contra a fame no mundo” de Mans Unidas,... e os valores que estes eventos representan e transmiten.

Alí, unimos as nosas voces pola paz, a xustiza, o respecto, a igualdade,... e todos eses valores que representan o espírito do noso centro, o Fogar de Santa Margarida.

Non podemos ver a paz como algo imposible de acadar, coma unha utopía; senón como algo ao que podemos contribuír de xeito individual, tal e como fixeron nese mesmo lugar tres policías da Coruña.

De feito, escollemos ese lugar polo significado do monumento á memoria dos heroes do Orzán. Alí, tres homes entregaron a súa vida, porque eran persoas comprometidas, solidarias e, desinteresadamente, decidiron axudar a quen o necesitaba.

Nesta celebración, os alumnos levaban consigo distintivos a prol da paz e regalaron globos con mensaxes solidarias.

Aquí tedes varias imaxes que amosan a nosa actividade

Rematamos esta saída cantando e coa coñecida oración de San Francisco:

Señor, fai de min un instrumento da túa paz:

onde haxa odio, poña eu amor,

onde haxa ofensa, poña eu perdón,

onde haxa discordia, poña eu unión,

onde haxa erro, poña eu verdade,

onde haxa dúbidas, poña eu a fe,

onde haxa desesperación, poña eu esperanza,

onde haxa tebras, poña eu luz,

onde haxa tristura, poña eu ledicia.

¡Mestre!, que non busque eu tanto

ser consolado como consolar,

ser comprendido como comprender,

ser amado como amar.

Porque dando recíbese,

esquecendo atópase,

perdoando somos perdoados,

e morrendo resucítase á vida eterna.