Principal - Noticias

O Fogar na Real Academia Galega

O Fogar convidado pola máxima institución da lingua do país!

Na mañá de onte, día 8 de maio, o Fogar visitou a Real Academia Galega. Mais desta vez non foi para facer unha visita guiada ás súas instalacións. Desta vez iamos convidados pola máxima institución da lingua do país!

Os académicos quixeron celebrar un acto no que se recoñecese e se axudase a divulgar o proxecto 21 DÍAS EN GALEGO, que desde hai dous anos estamos a levar adiante no noso centro. Compartiamos esta homenaxe coa xente do IES da Pobra o Caramiñal, pionerios na experiencia.

O acto foi redondo! Primeiro presentación inicial do presidente Víctor Freixanes, que aló atrás xa nos dedicou unhas eloxiosas palabras en La Voz de Galicia. Logo unhas breves intervencións por parte de Pilar Ponte e de Carlos Medrano, profesores que coordinaron as actividades nos dous centros, e un fantástico vídeo resumo elaborado polo noso compañeiro de bacharelato Diego Pampín.

Deseguido, chegou o momento das intervencións dos alumnos e alumnas, a xente nova que a Academia adoecía por recibir e escoitar. En nome do Fogar falaron Diego Oreona Pena e Lía Lema Pombo. Contaron como viviron a experiencia 21 DÍAS e como ven o presente e o futuro da lingua. E deixaron o pavillón do cole ben alto!

Finalmente, chegou o momento do coloquio e da rolda de prensa. Aí moitos outros rapaces, e tamén académicos, tiveron a oportunidade charlar de forma animada sobre distintas cuestións referidas ao proxecto e tamén á delicada situación da nosa lingua.

Con nós, a RAG inicia un ciclo que chamará "Encontros da Academia coa xente nova". O seu obxectivo é dar voz á mocidade, desde estudantes a profesionais, abrindo espazos para a reflexión e o debate sobre o presente e o futuro do galego.

Por último, fixemos unha rápida visita á Academia e unha foto de grupo para deixar constancia gráfica dun día histórico.

Foto de grupo das persoas participantes no primeiro dos Encontros da Real Academia Galega coa xente nova. Fonte: RAG

Se cadra, como alguén xa comentou, van ter que ir deixando algunha cadeira dispoñible para os "novos académicos" que xa están a chamar a porta.

Para saberdes máis podedes ver aquí como recolleu o acontecemento o portal Real Academia Galega. E aquíaquí aquí, outros medios. E aquí unha fotogalería da propia RAG.