Principal - Noticias

O Fogar de Santa Margarida gaña o II Torneo de debate da cidade

03/02/2017

A semana pasada celebrouse na nosa cidade o II Torneo de Debate Talkk da Coruña, en colaboración coa Fundación Barrié

Tras vencer a outros colexios en oitavos, cuartos e semifinais, o equipo Fogar I do colexio Fogar de Santa Margarida proclamouse campión nun apaixonante debate final no que tivo que enfrentarse á Compañía de María, centro académico gañador da primeira edición.

Os nosos equipos, formados por alumnado de 1º Bacharelato (Alba Boedo, Nerea Castiñeira, Diego Pampín, Lucía Sánchez e María Señarís -Fogar 1- e Cristina Mouriño, Antía Otero, Sara Sánchez e Icía Varela -Fogar 2), fixéronnos vivir unhas xornadas apaixonantes e cheas de emoción, conseguiron que vibraramos coa paixón do seu discurso e enchéronnos de orgullo co seu derroche de seguridade, o seu compañeirismo, o seu excelente traballo en equipo, a súa humildade e, por suposto, a súa fantástica capacidade comunicativa.

Os días 30, 31 de xaneiro e 1 de febreiro, celebráronse as fases preliminares, nas que os 19 equipos participantes de diferentes colexios da cidade, puxeron en práctica todo o traballado e investigado para facerse cun posto o día da final, o 3 de febreiro.

A pregunta sobre a que todos os equipos de debate tiveron que investigar, informarse e prepararse para a “loita” dialéctica foi a seguinte: “Debe España apostar por un sistema educativo sen materias nin horarios fixos?” Os participantes tiñan que preparar tanto a postura A FAVOR como EN CONTRA, xa que, ata o mesmo momento do comezo de cada debate, no que se abre o sobre do sorteo, non saben que postura lles tocaría defender.

Preme na imaxe para ver fotografías do evento.