Infantil Segundo Ciclo

A educación infantil constitúe a etapa educativa con identidade propia que atende a nenas e nenos desde o nacemento ata os seis anos.

Esta etapa ordénase en dous ciclos. O ciclo constitúe unha unidade curricular temporal de programación e avaliación. O primeiro ciclo comprende desde o nacemento ata os tres anos e o segundo, desde os tres aos seis anos de idade.

A finalidade da educación infantil é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e dos nenos.

Os contidos educativos da educación infantil organizaranse en áreas correspondentes a ámbitos propios da experiencia e do desenvolvemento infantil e abordaranse por medio de actividades globalizadas que teñan interese e significado para as nenas e os nenos.

As áreas da educación infantil son as seguintes:

  • Coñecemento de se mesmo e autonomía persoal.
  • Coñecemento da contorna.
  • Linguaxes: comunicación e representación.

Estas áreas deben entenderse como ámbitos de actuación, como espazos de aprendizaxes de todo orde: de actitudes, procedementos e conceptos, que contribuirán ao desenvolvemento de nenas e nenos e propiciarán a súa aproximación á interpretación do mundo, outorgándolle significado e facilitando a súa participación activa nel.

Os métodos de traballo en ambos os ciclos basearanse nas experiencias, as actividades e o xogo, e aplicaranse nun ambiente de afecto e confianza para potenciar a autoestima e integración social.